3/24/2017

Cartas de inverno, de A. Fdez Paz

A verdade, é que aínda que xa lera este libro con anterioridade, fáiseme estraño ver como algo que hai dous anos parecíame incomprensible e lento de ler levoume só unhas horas acabar.
Deste libro gustoume todo, desde a elaboración dos personaxes ata o como che engancha, é unha historia que aínda que parece que empeza como todas (un pouco aburrida) logo non podes deixar de ler.
 O personaxe que máis me gusta é o de Xabier, xa que se arrisca a ir buscar ao seu amigo, o cal está en perigo, arriscando a súa propia vida.
É un libro que ensina a importancia da amizade e dos vínculos tan fortes que podemos chegar a ter con persoas coas que case non falamos.

Por Uxía, 4º ESO


Nesta novela cóntase como un famoso pintor, Adrián Nóvoa, por mor dunha aposta co seu amigo Xabier Louzao, afamado escritor, compra unha casa nunha pequena aldea galega impulsado por un non menos que inquietante anuncio publicitario.
 A través das cartas que Adrián escribe ao seu amigo unha vez instalado na casa, este é coñecedor dos misterios que se suceden ao longo dos meses: chamadas telefónicas e en especial os cambios nun gravado descuberto nunha das estancias da mansión, a cuxas alteracións non atopa explicación e vano atormentando cada vez máis facéndolle mesmo temer pola súa cordura. 
Xabier, lidas as cartas do seu amigo, decide ir na súa procura, non sen antes polo en coñecemento da súa irmá Tareixa. 
Unha vez aí, do mesmo xeito que lle sucedeu ao seu amigo, experimenta a forte atracción que a casa exerce sobre el. 
Cartas de inverno é unha novela de intriga e misterio, ben estruturada, contada por distintas voces, desde un narrador omnisciente ao comezo e final do libro, ata a narración en primeira persoa dalgún dos personaxes. Podemos atopar referencias á arquitectura, mitos e lendas galegas. 
Novela amplamente descritiva, en especial do interior da casa, o que fai que os lectores nos imaxinemos dentro dela con total comodidade. Está ambientada en 1993. 
A miña opinión persoal é que é un libro que atrae desde a primeira frase, gañando en intensidade de forma progresiva ata a última páxina, o que consegue unha lectura moi rápida e amena. No entanto, penso que o final é pouco elaborado, o que contrasta co resto do relato, coidado e moi ben escrito.

Por Pedro, 4º ESO

No hay comentarios:

Publicar un comentario