10/24/2023

O moucho voa. Filosofía en 28 conversas , de Miguel Vázquez Freire

    O libro consiste na transcrición adaptada dunha serie de conversas filosóficas que tiveron lugar semanalmente durante os últimos meses do ano 2020 e os primeiros do 2021 na radio municipal de Corcubión entre o autor, Paula Trillo e Javier Paz: profesor de filosofía no ensino secundario (xubilado), estudante de segundo curso de bacharelato e traballador da fábrica de Carburos Metálicos de Cee (tamén xubilado), respectivamente. Aparece deste xeito un diálogo interxeneracional e que toca ámbitos diversos da existencia humana, sendo logo unha moi boa base para o exercicio e a divulgación da filosofía. 
   

Comézase falando sobre a cuestión ontolóxica, centrando a meirande parte dos capítulos-conversas no debate sobre a existencia, a necesidade e as posibles argumentacións a favor ou en contra dun ser divino. Simultaneamente, co propio devir do tema trátanse as principais posturas no terreo ontolóxico. Finalmente, a pregunta “Se hai algo, poderá ser coñecido?” (título do derradeiro capítulo-conversa desta primeira sección) abre paso á cuestión epistemolóxica. 
    A segunda parte adícase fundamentalmente a cuestións de lóxica informal e relativas á filosofía da ciencia, tras unha breve introdución á definición de termos básicos sobre a teoría do coñecemento (verdade, falsidade, etc.) e á disputa sensibilidade/entendemento, nos dous primeiros capítulos-conversas. Os aspectos relativos á lóxica informal céntranse na detección de falacias e as disertacións sobre a filosofía da ciencia fanse dende un enfoque popperiano.
    A terceira sección trata sobre a pregunta pola acción individual (ética). Os capítulos-conversas poden estruturarse como unha serie de pares que estudan as principais posturas no campo da filosofía moral: universalismo e relativismo, intelectualismo e voluntarismo, deontoloxismo e consecuencialismo. Tamén se estudan outras dicotomías máis básicas ou concretas como poden ser egoísmo/altruísmo ou hedonismo/estoicismo. 
    A cuarta e última sección, nunha clara continuación da anterior, trata a pregunta pola acción colectiva (filosofía política). A maneira de enfocala é a partir dunha análise crítica da democracia, que desemboca nun debate sobre a pertinencia deste réxime político, en lugar da tecnocracia. Cara ao final do libro trátanse outros temas fundamentais da filosofía política: legalidade e lexitimidade, convicción fronte a responsabilidade (onde aparece unha clara ligazón co debate da sección anterior entre deontoloxismo e consecuencialismo), liberalismo fronte a socialismo e totalitarismo como ameaza dos sistemas políticos que favorecen a participación cidadá.
Por Bruno (prof.)