11/08/2023

Filosofía para profanos, de Maite Larrauri


 A colección de libros Filosofía para profanos recolle as reflexións que Maite Larrauri, en tanto que divulgadora de filosofía (a través do programa de RTVE Para todos la 2, na sección que leva o mesmo nome que esta colección), fai ao explicar diferentes conceptos filosóficos e maneiras de comprender a existencia humana, e a propia filosofía, ao longo da historia. A colección componse de dez libros elaborados en colaboración co debuxante Francesc Capdevila (máis coñecido como Max), e hai un undécimo volume adicional (Un sujeto inesperado. Diálogo sobre filosofía y feminismo) escrito en colaboración con Francisco Caballero Quemades. Ademais da súa tarefa como divulgadora, Maite Larrauri é catedrática de Filosofía en Educación Secundaria, polo que a súa maneira de transmitir coñecementos e contaxiar o interese pola filosofía é especialmente axeitada para dirixirse á xuventude.

As obras que recolle a colección resultan de grande interese porque, sen afastarse dunha linguaxe sinxela e familiar, tratan temas de grande complexidade a través de autores e autoras que poden considerarse “non canónicos” na historia da filosofía. Isto dá lugar a textos moi orixinais que, por iso mesmo, axudan a espertar o interese polos aspectos tratados. En cada volume explícase o pensamento dun autor ou autora a través dun concepto clave da súa filosofía: El deseo según Guilles Deleuze, La creación según Bergson, La felicidad según Spinoza, La libertad según Hannah Arendt, La amistad según Epicuro, La guerra según Simone Weil, La educación según Dewey, La potencia según Nietzsche, El ejercicio según Marco Aurelio e La sexualidad según Michel Foucault. Se ben todos estes autores e autoras teñen un merecido espazo nos manuais de filosofía, normalmente este é moito menor ao ocupado polos grandes nomes da tradición occidental como Platón, Aristóteles, Descartes, Marx, Stuart Mill, etc., que Larrauri substitúe por outros máis ou menos coetáneos (aínda que menos coñecidos entre o público “profano”) e que por tanto tratan temáticas afíns, como poden ser Epicuro, Marco Aurelio, Spinoza, Weil ou Dewey. Outro aspecto destacable neste sentido é o amplo espazo adicado ás correntes de máis actualidade na filosofía e que nalgúns casos sentan certas bases para o pensamento posmoderno (Deleuze ou Foucault, por exemplo).

Aínda que non procede un resumo de cada un dos libros da colección (en tanto que tal resumo consistiría simplemente en explicar a filosofía de cada autor ou autora de forma semellante mais non igual a como Larrauri o fai), si pode dicirse que a calidade do texto e das ilustracións fainos a todos eles unha ferramenta ideal para introducirse, e tamén para profundar, na filosofía.

Pot Bruno (prof.)

No hay comentarios:

Publicar un comentario