Amosando publicacións coa etiqueta Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galicia. Amosar todas as publicacións

3/24/2017

Cartas de inverno, de A. Fdez Paz

A verdade, é que aínda que xa lera este libro con anterioridade, fáiseme estraño ver como algo que hai dous anos parecíame incomprensible e lento de ler levoume só unhas horas acabar.
Deste libro gustoume todo, desde a elaboración dos personaxes ata o como che engancha, é unha historia que aínda que parece que empeza como todas (un pouco aburrida) logo non podes deixar de ler.
 O personaxe que máis me gusta é o de Xabier, xa que se arrisca a ir buscar ao seu amigo, o cal está en perigo, arriscando a súa propia vida.
É un libro que ensina a importancia da amizade e dos vínculos tan fortes que podemos chegar a ter con persoas coas que case non falamos.

Por Uxía, 4º ESO


Nesta novela cóntase como un famoso pintor, Adrián Nóvoa, por mor dunha aposta co seu amigo Xabier Louzao, afamado escritor, compra unha casa nunha pequena aldea galega impulsado por un non menos que inquietante anuncio publicitario.
 A través das cartas que Adrián escribe ao seu amigo unha vez instalado na casa, este é coñecedor dos misterios que se suceden ao longo dos meses: chamadas telefónicas e en especial os cambios nun gravado descuberto nunha das estancias da mansión, a cuxas alteracións non atopa explicación e vano atormentando cada vez máis facéndolle mesmo temer pola súa cordura. 
Xabier, lidas as cartas do seu amigo, decide ir na súa procura, non sen antes polo en coñecemento da súa irmá Tareixa. 
Unha vez aí, do mesmo xeito que lle sucedeu ao seu amigo, experimenta a forte atracción que a casa exerce sobre el. 
Cartas de inverno é unha novela de intriga e misterio, ben estruturada, contada por distintas voces, desde un narrador omnisciente ao comezo e final do libro, ata a narración en primeira persoa dalgún dos personaxes. Podemos atopar referencias á arquitectura, mitos e lendas galegas. 
Novela amplamente descritiva, en especial do interior da casa, o que fai que os lectores nos imaxinemos dentro dela con total comodidade. Está ambientada en 1993. 
A miña opinión persoal é que é un libro que atrae desde a primeira frase, gañando en intensidade de forma progresiva ata a última páxina, o que consegue unha lectura moi rápida e amena. No entanto, penso que o final é pouco elaborado, o que contrasta co resto do relato, coidado e moi ben escrito.

Por Pedro, 4º ESO

11/27/2014

A praia dos afogados, de D. Villar



      A praia dos afogados é unha novela policíaca negra escrita por Domingo Villar e publicada pola Editorial Galaxia en 2009.
            O protagonista e policía vigués, Leo Caldas, recibiu unha chamada alertando pola aparición dun corpo na praia da Madorra. Este cadáver é  o de Xusto Castelo, un  habitante de Panxón dedicado a pesca de baixura. Tras unha autopsia, o forense Guzmán Barrio, comproba que pola posición da brida coa que apareceron atadas as mans de Castelo non pode ser un suicidio senón un asasinato.
           
Co tempo, van descubrindo que a súa morte ten moito que ver co afundimento do Xurelo o 20 de decembro de 1996 e o acontecido esa noite de tempada no mar entre o capitán da tripulación, os outros tres mariñeiros e unha muller veciña de Aguiño, e tras un tempo investigando as probas indican que Marcos Valverde é o asasino.
            En resumo,  esta é unha novela  chea de intriga e incerteza ata o final, destacando como o mellor personaxe e protagonista a Leo Caldas polo seu afán de investigación e maila compaxinación dese traballo xunto co programa de radio que este dirixe. Mentres que Estevez, o axudante de Leo é o personaxe que menos me gustou pola violencia que pode amosar en certos momentos da historia.  Pareceume unha das mellores novelas policíacas do momento a cal eu recomendo.
Por Daniel V., 1º BAC

Para saber máis:


“A Praia dos Afogados” pertence á novela negra. O autor é Domingo Villar e a editorial Galaxia. Neste libro nárrase a búsqueda pola costa galega do asasino de Xusto Castelo, un mariñeiro de Panxón. Todo acontece unha mañá na que o mar arrastra o cadáver do mariñeiro ata a Praia da Madorra. Os veciños da vila pensan que o pobre home se suicidara, mais as primeiras investigación amosan unha realidade diferente e Caldas comeza a investigar. Sen rastro algún da barca de Castelo nin de ningunha posible testemuña á que preguntar, Leo decide mergullarse no ambiente da vila. Así, coñece os veciños da redonda e interrógaos sobre o suposto asasinato. Mais todos se mostran reacios a desvelar as súas sospeitas e, cando falan, apuntan nunha dirección insólita: pantasmas. Un asunto sen dúbida espinoso para o inspector que, ademais, ten que lidiar co forte carácter do seu axudante aragonés, un home alto e grande, tan imponente fisicamente como a hora de falar, o cal non logra adaptarse á retranca galega. Este é, sen dúbida, o personaxe que máis me gustou xa que lle achega un toco de humor fundamental ó libro. Con todas estas intrigas por resolver, resultoume unha novela cun argumento moi entretido. Atópanse continuos cambios de guión, o que o converte nun libro difícil de predicir e, polo tanto, máis interesante. Así, non podes imaxinar cal é o asasino ata case as últimas páxinas. Con todo, poderíase mellorar, xa que tamén ten un lado máis negativo. Ó igual que ten un argumento certamente interesante, a súa narración é, por veces, pouco fluída e, en ocasións, extensa de máis. Penso que moitas das descricións son innecesarias e nárranse sucesos sen transcendencia algunha no desenlace final da historia. Un exemplo é a cantidade de capítulos destinados unicamente a narrar o que comía nun bar ó xantar. Na miña opinión, poderíanse suprimir, alomenos, cen páxinas. Non obstante, este problema non desmerece o libro, o cal me gustou moito e, por suposto, recomendo lelo. Por Álvaro C., 1º BAC